Consorcio Interuniversitario de Galicia

Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria de Galicia

2023, Actividades OSL
Difusión do Software Libre entre as novas xeracións das universidades galegas
Oficina de software libre
30/09/2023

O Consorcio CIXUG colabora coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para levar o software libre as universidades galegas.

 

  • Un ano máis, o CIXUG e AMTEGA firman un convenio de colaboración para a realización de actuacións para o fomento do uso e divulgación do Software Libre no ámbito universitario en Galicia.

Coa firma deste convenio entre o CIXUG e AMTEGA, a Oficina de software libre do CIXUG vai a levar a cabo varias actuacións definidas en dúas grandes actividades: xornadas de divulgación e puntos de información e premio ao mellor traballo universitario con licenza libre.

Actividades de divulgación e puntos de información

As actividades están a realizarse nos diferentes campus das universidades galegas con temáticas que xiran en torno a dous eixes: a repercusión do software libre no ámbito empresarial e profesional  e as metodoloxías e ferramentas de software libre.

Durante o mes de setembro celebráronse as seguintes actividades:

  • Talleres de instalación de GNU/Linux para estudantes de primeiro curso:
    • Facultade de Matemáticas. Tivo lugar o 20 de setembro onde se atenderon as consultas técnicas de dous grupos de estudantes.
    • Facultade de Física. Tivo lugar os días 26 e 27 de setembro.
    • Escola Politécnica Superior de Enxeñaría no campus de Lugo. Tivo lugar o 29 de setembro.
  • Participación na Atlántica Conf na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, con información relativa aos servizos dispoñibles dende a OSL para os estudantes universitarios.
  • Dous talleres de Git para estudantes do Grao de Robótica, no campus de Lugo, os que tiveron moi boa acollida entre o estudantado.

Durante o mes de outubro van a instalarse, en diferentes lugares dos campus das universidades galegas, puntos de información no que os alumnos poderán consultar e informarse, con expertos na materia, sobre o software libre.

Premio ao mellor traballo universitario con licenza libre

O Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre ten como meta o fomento e o achegamento da mocidade universitaria galega ao software libre, incrementando o coñecemento que esta teña sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Poderá participar no premio calquera estudante matriculado nalgunha das titulacións de enxeñería ou enxeñería técnica, titulacións de grao ou mestrado do Sistema Universitario Galego, que teña presentado e defendido o seu Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2022-2023, ben sexa ordinaria ou extraordinaria, sempre que o proxecto fose avaliado antes da data límite.

Ademais para poder participar neste premio o traballo deberá cumprir os seguintes requisitos:

  • Que sexa realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
  • Que o software desenvolvido durante o mesmo teña unha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
  • Que o código fonte do traballo universitario se atope dispoñible nun repositorio público para que se poida descargar e estudar.

Tamén poden participar os proxectos que, cumprindo os requisitos previos, sexan realizados utilizando hardware libre.

Todos os interesados teñen de prazo ata o 6 de outubro para inscribirse a través do formulario que se atopa dispoñible na páxina web do CIXUG.

Estas iniciativas enmárcanse dentro das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030, que constitúe unha folla de ruta para apoiar a toma de decisións no ámbito dixital na próxima década que, contribúa a extrapolar ideas das tendencias globais actuais, explorar algunhas das incertezas clave que darán forma ao futuro de Galicia, e anticipar mellor algunhas das eleccións e decisións que se poderán afrontar nos próximos anos.

2023-09, 29, OSL, Actividades Difusión OSL, Foto 3

Ver outras noticias....

Aberto o prazo de inscrición na quinta edición do Programa Xuventude Mentoring
Diego Barreiro é o novo gañador do Premio ao mellor traballo universitario libre.
Amplíase ata o 13 de outubro o prazo de inscrición no Premio ao mellor traballo universitario libre
A Xunta e as universidades galegas únense para impulsar o emprendemento de base tecnolóxica
Scroll ao inicio