Consorcio Interuniversitario de Galicia

Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria de Galicia

2023, OSL, Gañador Premio OSL
Diego Barreiro é o novo gañador do Premio ao mellor traballo universitario libre.
Oficina de software libre
20/10/2023

Joaquín Solla consegue o segundo premio entregado por GPUL.

Na tarde do pasado venres, 20 de outubro, tivo lugar no GaiásTech da Cidade da Cultura o acto de resolución da XVI edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da asociación GPUL.

Un total de 5 candidaturas acadaron esta fase final, que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións, e nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia, e que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.

O primeiro premio foi acadado por Diego Barreiro Pérez co proxecto «Análise e implementación dun sistema de xeración automática de horarios mediante intelixencia artificial», no que se resolve o problema da programación horaria no ámbito das universidades. Este traballo trata de alcanzar catro obxectivos principais:

  1. Identificar e modelar as entidades asociadas (materias e aulas, dependenzas a centro, graos, etc.)
  2. Identificar e modelar as restricións do problema, que poden ser duras ou blandas segundo o grao de restrición estabelecido.
  3. Definir o problema mediante unha linguaxe flexible que permita a incorporación de novas restricións de maneira sinxela.
  4. Visualizar a saída do programa a través dunha interface gráfica.

Este recoñecemento con leva unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Por outra banda, entregouse un segundo premio a Joaquín Solla Vázquez polo seu traballo «Simplex: aplicación móvil para la organización personal», no cal se desenvolve unha aplicación móbil para facilitar a tarefa de organizar as tarefas persoais, así como a xestión de eventos ou rutinas. Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Finalistas

Os cinco finalistas que alcanzaron a fase final da presente edición foron os seguintes:

Diego Barreiro Pérez Análise e implementación dun sistema de xeración automática de horarios mediante intelixencia artificial
Lucía María Álvarez Crespo Amosando o Lado Escuro das redes sociais: desenvolvemento do primeiro corpus en lingua galega para a detección de misoxinia en Twitter e Mastodon
Daniel Boubeta Portela FreeDSM: Dispositivo portátil para la medición de contaminación lumínica mediante tecnologías IoT
Joaquín Solla Vázquez Simplex: aplicación móvil para la organización personal.
José Ángel Pérez Garrido Aplicación de técnicas de aprendizaxe profunda ao desenvolvemento dun bot conversacional para contribuír á mellora da saúde mental

Xurado

O xurado estivo formado polas seguintes persoas:

  • Mariano Cabrero Canosa
    • Universidade da Coruña
  • Alberto Suárez Garea
    • Universidade de Santiago de Compostela
  • Francisco Javier Rodríguez Martínez
    • Universidade de Vigo
  • Paula Taibo Suárez
    • Asociación GPUL
  • Jorge Lama Varela
    • Oficina de Coordinación de Software Libre (AMTEGA)

Premio ao mellor Proxecto Universitario con licenza libre

O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego.

A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa Amtega para a promoción do software libre en Galicia.

Agradecemento 

O CIXUG fai un agradecemento a todas as persoas participantes e colaboradoras para que este premio poida seguir promocionando a liberación dos traballos universitarios na nosa comunidade, e xa comezará en breve a difusión para a seguinte edición.

2023-10, 20, Premio OSL, Foto 2

Ver outras noticias....

Aberto o prazo de inscrición na quinta edición do Programa Xuventude Mentoring
Amplíase ata o 13 de outubro o prazo de inscrición no Premio ao mellor traballo universitario libre
Difusión do Software Libre entre as novas xeracións das universidades galegas
A Xunta e as universidades galegas únense para impulsar o emprendemento de base tecnolóxica
Scroll ao inicio