Estendido ata o 12 de outubro o prazo para a presentación de candidaturas ao Premio a mellor traballo universitario con licenza libre.
-
Esténdese o prazo de presentación de candidaturas ata o 12 de outubro
-
Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2021-2022
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún (https://www.mancomun.gal/premiopfc/). Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio na Oficina de Software Libre do CIXUG, ou na Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega.
Requisitos e prazos
As e os estudantes interesados en participar neste premio deben saber que os requisitos que deben cumprir estes traballos son: haber sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Iniciative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.
Para participar neste premio as persoas interesadas deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes do día 12 de outubro:
- Cubrir o formulario de inscrición
- Inscribir o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ao mellor PFC con Software Libre > 2022”
- Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa
- Darse de alta na lista de correo do premio onde se resolverán todas as dúbidas que poidan ter os participantes, así como realizarase a coordinación do acto de resolución do premio.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2022 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudando universitario.