Antón Gómez López recibe o «Premio especial Alejo Pacín Jul».
Na tarde do pasado venres, 20 de setembro, tivo lugar no GaiásTech da Cidade da Cultura o acto de resolución da XVII edición do Premio ao mellor traballo universitario libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da asociación GPUL.
Un total de 5 candidaturas chegaron a esta fase final, e que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.
O primeiro premio foi acadado por Alejandro Buján Pampín co proxecto «Abordando o desenvolvemento de Liñas de Produtos Software dende unha perspectiva de Xestión de Ciclo de Vida das Aplicacións», no que se describe un primeiro intento de enfrontar o desafío de acelerar o tempo de comercialización do software, mantendo a calidade e a xestión eficaz dos cambios continuos. Este traballo levouse a cabo mediante un metodoloxía iterativa e incremental, empregando MongoDB como almacén de datos, así como Node.js e Express.js para a implementación do servidor web e Vue.js para o cliente web.
Este recoñecemento conleva unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Por outra banda, entregouse o «Premio Especial Alejo Pacín Jul» a Antón Gómez López polo seu traballo «Adaptación efectiva de redes xerativas antagónicas para o procesado de imaxes de teledetección multidimensionais». Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Finalistas
Os cinco finalistas que alcanzaron a fase final da presente edición foron os seguintes:
Pelayo Vieites Pérez | "Simulador de un sistema de control basado en señales EEG asociadas con ojos abiertos y cerrados" |
Manuel Alonso Carracedo | "Herramienta para la recopilación de información de servicios Whois" |
Miguel Castro Castro | "Desenvolvemento dunha ferramenta de apoio á docencia de Estrutura de Computadores" |
Alejandro Buján Pampín | "Abordando o desenvolvemento de Liñas de Produtos Software dende unha perspectiva de Xestión de Ciclo de Vida das Aplicacións" |
Antón Gómez López | "Adaptación efectiva de redes xerativas antagónicas para o procesado de imaxes de teledetección multidimensionais" |
Xurado
O xurado estivo formado polas seguintes persoas:
- Mariano Cabrero Canosa
- Universidade da Coruña
- Alberto Suárez Garea
- Universidade de Santiago de Compostela
- Arno Formella
- Universidade de Vigo
- Fran Tsao Santín
- Asociación GPUL
Premio ao mellor Proxecto Universitario con licenza libre
O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego.
A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa Amtega para a promoción do software libre en Galicia.
Agradecemento
O CIXUG fai un agradecemento a todas as persoas participantes e colaboradoras para que este premio poida seguir promocionando a liberación dos traballos universitarios na nosa comunidade, e xa comezará en breve a difusión para a seguinte edición.