
O CIXUG e a Unión Profesional alíanse para impulsar o talento mozo de Galicia
O 30 de abril de 2025, Unión Profesional de Galicia celebrou unha reunión co Consorcio Interuniversitario de Galicia (CIXUG) na sede da asociación en Santiago de Compostela, co obxectivo de afondar na colaboración dentro do programa Xuventude Mentoring. Participaron no encontro o presidente de Unión Profesional de Galicia, José María Suárez, a secretaria xeral, Patricia Vérez, e o xerente do CIXUG, Manuel Mosquera Viso. Ademais, tamén os acompañou o coordinador da asociación que representa a 44 colexios profesionais, José Ricardo Fernández Insua.
O Xuventude Mentoring, ao que se sumou Unión Profesional de Galicia a comezos de 2025, como entidade colaboradora, é un programa integral de formación e mentoring destinado a persoas mozas tituladas e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil na Comunidade Autónoma de Galicia. Trátase dun programa pioneiro promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o CIXUG, en colaboración coas tres universidades galegas, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
Durante a xuntanza, analizáronse os avances do programa e propuxéronse novas accións para ampliar a implicación dos colexios profesionais. O xerente do CIXUG aproveitou a ocasión para felicitar a Unión Profesional de Galicia pola súa adhesión ao programa Xuventude Mentoring e agradeceu que os 44 colexios profesionais que integran a asociación estean a disposición do proxecto. Tamén destacou o valor de incorporar entidades colexiais que cobren un abano de profesionais con experiencia en ámbitos como a saúde, as enxeñarías, as profesións científico-técnicas, a arquitectura, o sector social, a economía ou o dereito. Pola súa parte, o presidente de Unión Profesional de Galicia valorou positivamente a incorporación da asociación e amosou a súa disposición para potenciar espazos de interacción e formación para os mozos titulados.
A secretaria xeral de Unión Profesional de Galicia, Patricia Vérez, encargada de coordinar o acordo de colaboración co CIXUG, sinalou que Unión Profesional de Galicia está implicada en asesorar, axudar e orientar á mocidade co obxectivo de guiala no seu futuro laboral e tamén no emprendemento.
O programa que se basea no apoio continuado dunha persoa titora e na vinculación directa co tecido empresarial galego, continúa consolidándose como unha iniciativa clave para mellorar a empregabilidade dos mozos galegos. Grazas, en gran medida, á implicación de xeito altruísta de profesionais e asociacións, como Unión Profesional de Galicia, que lles aportan aos participantes un acompañamento personalizado e acceso a experiencias reais no mundo empresarial.
