Os días 12 e 13 de maio tivo lugar en Zaragoza unha nova edición do congreso esLibre, onde se reuniron unha gran cantidade de persoas cun interese común na cultura e tecnoloxía libre.
O congreso tivo lugar nas aulas do edificio Etopia, centro de Arte y Tecnología de Zaragoza, e que contou coas comunidades de Vitalinux e Migasfree como anfitrioas neste novo encontro de coñecemento.
Durante as dúas xornadas tiveron lugar máis de 100 charlas e talleres nas que se puideron coñecer de primeira man gran cantidade de servizos e tecnoloxías libres, indo dende o ámbito académico e educativo ata un entorno empresarial con solucións para multitude de necesidades. Talleres de LibreOffice, OpenStreetMap, Nextcloud, ou de reparación de portátiles Slimbook formaron parte da ampla lista de actividades cun carácter máis práctico e demostrativo.
Dende a nosa comunidade viaxaron varios relatores que participaron nas charlas e talleres, como Jorge Lama, Alex e Miguel Rodríguez, Cristian López, Laura Castro, ou os compañeiros de Enxeñaría Sen Fronteiras. Todas as sesións foron gravadas, e estarán dispoñibles nas próximas semanas en Wikimedia, ao igual que ocorreu coas edicións anteriores.
Para a seguinte edición do ano 2024 foron presentadas candidaturas dende Valencia e Tenerife, polo que nos próximo meses será anunciada a sede gañadora.
esLibre defínese como un encontro de persoas interesadas nas tecnoloxías libres, que comeza coa súa primeira edición no ano 2019 na Universidade de Granada. Aparece como unha necesidade de cubrir un oco que deixaran outros encontros xa desaparecidos como os congreso de HispaLinux. No ano 2020 e 2021 tiveron un formato virtual, a primeira tivo como anfitrión á Universidade Rey Juan Carlos e a de 2021 á Complutense de Madrid. O ano pasado tivo lugar en Vigo, e este ano foi organizada en Zaragoza contando co apoio de Vitalinux e Migasfree, contando como patrocinadores principais as empresas Librebit e Slimbook.