Consorcio Interuniversitario de Galicia

Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria de Galicia

FR. POL, 2020

Orientación Laboral

Posgrao de Especialización en Orientación Laboral

Edición 2020

Posgrao de Especialización en Orientación Laboral

7ma Edición

As diferentes situacións polas que ten atravesado o mercado laboral nos últimos anos e, especialmente pola súa proximidade no tempo e a súa ampla repercusión, a motivada pola situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19, evidencian a maior rapidez coa que cada vez se suceden os cambios no contorno laboral, e a necesidade de apoiar cada vez máis ás persoas que procuran emprego, xa o fagan por primeira vez ou se atopen nunha transición laboral entre dous empregos, para axudalas a acadar as competencias que lles permitan realizar uns procesos de procura activa de emprego eficaces e con autonomía persoal, sendo conscientes dos seus recursos para o emprego e de como melloralos.

Neste contexto, o Consorcio CIXUG, co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade e do Ministerio de Traballo y Economía Social, pon en marcha este Curso de Posgrao Universitario de Especialización en Orientación Laboral, que nesta edición de 2020 será xestionado como título propio da Universidade da Coruña, sendo esta a primeira edición na que a modalidade de impartición será 100% en liña, para evitar a exposición a potenciais riscos para a saúde por parte das persoas participantes, así como evitar incidencias que afecten á súa realización motivadas por posibles rebrotes da enfermidade da COVID-19.

Título propio da Universidade Da Coruña

Confinancian

Este curso, que dará dereito á obtención do titulo de Especialista Universitario en Orientación Laboral, é único en España polas súas características, xa que reúne de xeito integral nun único curso de posgrao de carácter práctico e especializado as mellores prácticas no ámbito da orientación laboral, xunto coas competencias e as ferramentas tecnolóxicas necesarias para permitir ao persoal dedicado á orientación laboral aplicalas no seu día a día con garantías de máxima utilidade.

Deste xeito, o CIXUG colabora no desenvolvemento dun currículo formativo específico que por unha banda permita ás persoas participantes no curso desenvolver as súas capacidades para mellorar a calidade das actividades de orientación laboral que reciben as persoas desempregadas; e que por outra ofreza ás institucións que oferten estes servizos ás persoas desempregadas, un instrumento obxectivo que acredite a capacidade deste persoal para o óptimo desenvolvemento das accións que teña previsto abordar.

Para saber máis:

Obxectivos

Persoas destinatarias

Metodoloxía para o desenvolvemento

Requisitos técnicos imprescindibles para o seguimento

Contidos da formación

Cando terá lugar

Condicións para o aproveitamento

Profesorado

Requisitos de matrícula e inscrición

Onde solicitar información complementaria

Relación de persoas admitidas e lista de agarda

Obxectivos

Entre os obxectivos que se perseguen coa celebración do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral prima o de permitir que o persoal técnico vinculado ao labor de orientación laboral nas entidades públicas locais, provinciais ou de calquera outro tipo e das entidades privadas, poida potenciar os seus coñecementos e competencias profesionais e persoais cara unha mellor atención á poboación demandante dos seus servizos.

Pero ademais, son obxectivos deste curso os seguintes:

  • Integrar nun proceso de formación os criterios e principios básicos esenciais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera técnica/o que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego.
  • Axudar a actualizar e a renovar os coñecementos técnicos no ámbito da interacción coas persoas demandantes de emprego, na busca de mellorar a súa empregabilidade e ocupabilidade.
  • E abrir a vía de desenvolvemento profesional vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que, independentemente da situación laboral na que se encontren, poidan adquirir uns coñecementos esenciais para poder facer fronte a dito desenvolvemento profesional.

Por este motivo, tanto a formación como os seus contidos e os métodos didácticos se teñen deseñado dun xeito eminentemente práctico, requirindo de interacción constante entre as persoas participantes e de participación mediante o uso de diferentes canles e ferramentas tecnolóxicas que deberán aplicar con posterioridade no seu contorno real de traballo; e estes contidos se teñen desenvolvido de xeito específico para esta formación por persoal experto, que será ademais o que participe no desenvolvemento do curso.

Persoas destinatarias

Ao tratarse dun curso universitario de posgrao, é requisito imprescindible que as persoas que desexen participar no mesmo conten con titulación universitaria obtida, recoñecida ou homologada en España, no momento de finalización do posgrao.

Ademais da titulación universitaria, este curso está dirixido a persoas empadroadas en Galicia, que teñan como obxectivo profesional desenvolver a súa actividade no eido da orientación laboral e no apoio ás persoas que procuran emprego, e que se atopen nalgún dos seguintes grupos:

  • Persoas que na actualidade se veñen dedicando a actividades de orientación laboral.
  • Axentes e persoal técnico de emprego e desenvolvemento local.
  • Traballadoras e traballadores sociais.
  • Persoal de organismos públicos e privados que están a relacionarse coa poboación demandante de emprego.
  • Calquera outra persoa que desexe adquirir novos coñecementos no ámbito da orientación laboral.

Igualmente, conforme ao artigo 8 do regulamento de estudos propios de posgrao da UDC, poderán acceder ao curso as persoas que teñan superados os créditos do primeiro ciclo das actuais titulacións de dous ciclos.

Metodoloxía para o desenvolvemento

Debido á situación derivada da COVID-19, para poder garantir a seguridade de todas as persoas que realizan o posgrao, ao tempo que se evitan posibles incidencias no ámbito docente que impidan o seu normal desenvolvemento, nesta edición o curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral celebrarase en modalidade 100% en liña.

Deste xeito, as sesións presenciais que se viñan realizando no posgrao serán substituídas por seminarios web en directo, de obrigada asistencia e que terán lugar no mesmo horario no que se viñan desenvolvendo nas anteriores edicións as sesións presenciais: os venres de 16:00 h a 20:30 h e os sábados de 9:30 h. a 14:00 h. De xeito complementario, continuarán a desenvolverse as actividades de teleformación a través da aula virtual do CIXUG.

Isto implica, máis que nunca, a importancia de atender aos requisitos técnicos especificados para o seguimento do curso que se detallan neste apartado.

Sempre que a situación epidemiolóxica e as recomendacións sanitarias o permitan, procurarase fomentar entre as persoas participantes sesións voluntarias de networking presencial (ben durante o curso ou con posterioridade a este), para favorecer o coñecemento persoal entre as persoas que forman parte do curso e procurar así outro dos grandes obxectivos desta formación, que é a xeración de contactos para o traballo en rede.

Requisitos técnicos para o seguimento

Ao tratarse dunha edición totalmente en liña a través da plataforma Moodle do CIXUG, resulta imprescindible que as persoas participantes se aseguren de dispoñer de:

  • Computador persoal con resolución de pantalla recomendada de 1024 x 768 ou superior.
  • Conexión a Internet de banda larga, sendo recomendable contar cun antivirus actualizado.
  • Navegador Mozilla Firefox ou Google Chrome en versión actualizada (NOTA: algunhas funcionalidades de Moodle poden non funcionar con Internet Explorer ou Microsoft Edge, polo que se desaconsella o seu uso).
  • Imprescindible dispoñer de cámara web, altofalantes e micrófono, sendo recomendable para un mellor seguimento do curso dispoñer de auriculares con micrófono integrado.
  • Ter javascript e cookies activadas no navegador.
  • Seguir os seminarios web en directo require a instalación do cliente Zoom para reunións, que pode obterse de xeito gratuíto neste enlace.
  • Ver os documentos en PDF precisa a instalación de Acrobat Reader, que pode obterse de xeito gratuíto neste enlace.

Algunhas das actividades formativas e avaliativas do curso requiren de acceso e interacción a través da rede, así como da creación de artefactos dixitais e de vídeo; e os contidos dos diferentes temas non serán descargables ata a finalización dos mesmos dado que tamén a súa visualización na aula virtual se terá en conta como criterio de aproveitamento.

Ademais, e dado o enfoque innovador do curso de posgrao no uso das ferramentas TIC e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión do emprego, pode requirirse da instalación por parte das persoas participantes de determinado software ou plugins no seu computador que, en todo caso, será gratuíto e de uso libre.

Igualmente, para posibilitar a participación e óptimo aproveitamento de determinadas actividades do curso, poderá requirirse das persoas participantes o seu rexistro en plataformas ou redes sociais, creando perfís profesionais reais, que deberán manterse activos mentres non finalice o curso.

En calquera caso, os requisitos concretos que precise cada persoa formadora en relación ás súas actividades, así como as instrucións para a súa descarga e instalación, serán publicados na aula virtual do curso con antelación suficiente para posibilitar a correcta instalación e a dispoñibilidade dos mesmos.

Contidos da formación

O Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral consta de 26 créditos ECTS, dentro dos que se contemplan 94,5 horas de seminarios web en directo, a desenvolver en xornadas de venres pola tarde (16.00 h a 20.30 h) e sábado pola mañá (9.30 h a 14.00 h).

A formación complétase sumando a estes seminarios en directo as actividades avaliativas, o repaso e o traballo persoal do alumnado ata totalizar as 650 horas que conforman o posgrao.

Os seminario web en directo servirán para afianzar os conceptos máis importantes, resolver dúbidas e incidir de xeito práctico nos coñecementos adquiridos, rematando cada módulo cunha proba obxectiva de avaliación (exame) para determinar o nivel de aproveitamento por parte de cada persoa participante.

Todo o curso desenvolveranse sobre a plataforma Moodle do CIXUG, polo que as persoas asistentes deberán dispoñer en todo momento dos equipos e medios técnicos necesarios, descritos no apartado de requisitos técnicos para o seguimento do curso.

O programa do curso está composto polos seguintes módulos e temas:

MÓDULO 1: MARCO CONCEPTUAL (5,66 créditos ECTS)

  • Tema 1: a orientación laboral aberta, novo paradigma para Galicia.
  • Tema 2: mercado laboral.
  • Tema 3: certificación e formación profesional.
  • Tema 4: a política social e de emprego na Unión Europea.
  • Tema 5: a iniciativa emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral.

MÓDULO 2: MARCO PERSOAL (7,10 créditos ECTS)

  • Tema 6: a orientación laboral aberta e as competencias.
  • Tema 7: desenvolvemento de competencias comunicativas.
  • Tema 8: habilidades e competencias sociais.
  • Tema 9: a web 2.0 para a orientación laboral.
  • Tema 10: competencias dixitais para a orientación laboral.

MÓDULO 3: MARCO INSTRUMENTAL (10,4 créditos ECTS)

  • Tema 11: intermediación laboral.
  • Tema 12: itinerarios de inserción.
  • Tema 13: procesos individuais de orientación e axuda na Toma de decisións.
  • Tema 14: análise de perfis profesionais e prospección de emprego.
  • Tema 15: técnicas e ferramentas para o acceso ao autoemprego.
  • Tema 16: a elaboración do plan de empresa.

MÓDULO 4: PROXECTO FINAL (2,86 créditos ECTS)

  • Parte individual.
  • Parte grupal.

Cando terá lugar

O curso desenvolverase desde o 18 de setembro de 2020 na aula virtual do CIXUG, con seminarios web en directo que terán lugar os venres pola tarde en horario de 16.00 h a 20.30 h, e os sábados pola mañá en horario de 9.30 h a 14.00 h. Realizarase control de asistencia aos mesmos.

Os seminarios web en directo terán lugar nas datas e cos contidos indicados a continuación:

Módulo 1: marco conceptual da Orientación Laboral Aberta

  • 18/09/2020: a orientación laboral en Galicia.
  • 19/09/2020: o ecosistema TIC.
  • 25/09/2020: o mercado laboral e a iniciativa emprendedora.
  • 26/09/2020: certificados de profesionalidade e acreditación de competencias.
  • 02/10/2020: o deseño do modelo de negocio co método Canvas.
  • 03/10/2020: orientación para a igualdade e a inclusión sociolaboral.
  • 09/10/2020: o labor orientador dende un blogue.
  • 10/10/2020: a política social de emprego na Unión Europea.
  • 16/10/2020: micro obradoiros do módulo 1.

Módulo 2: marco persoal

  • 17/10/2020: competencias comunicativas para a orientación laboral.
  • 23/10/2020: habilidades sociais para a orientación laboral.
  • 24/10/2020: o noso PLE (contorno persoal de aprendizaxe).
  • 30/10/2020: identidade dixital e reputación online.
  • 31/10/2020: micro obradoiros do módulo 2.

Módulo 3: marco instrumental

  • 06/11/2020: a elaboración do plan de empresa (parte 1).
  • 07/11/2020: o proceso individual de orientación laboral. A entrevista de orientación laboral.
  • 13/11/2020: a elaboración do plan de empresa (parte 2).
  • 14/11/2020: itinerarios persoalizados para o emprego. Proceso, características e aplicación a distintos colectivos.
  • 20/11/2020: dinamización de espazos socias para a orientación laboral.
  • 21/11/2020: procesos de selección de persoal: entrevista de traballo e dinámicas grupais.
  • 27/11/2020: programas integrados de emprego e prospección de emprego.
  • 28/11/2020: Micro obradoiros do módulo 3.

Sesión de clausura:

  • 18/12/2020: sesión de clausura (pendente de posibilidade de realizarse de xeito presencial).

NOTA: en funcion de criterios organizativos e didácticos a orde das sesións poderase alterar, pero sempre dentro dos días indicados.

Condicións para o aproveitamento

Para superar o curso requírese:

  • Completar a asistencia a cando menos o 80% dos seminarios web en directo (o que supón un máximo de 5 ausencias).
  • Visualizar e traballar os contidos dos temas sobre a aula virtual.
  • Entregar todas as actividades avaliativas propostas (exames, tarefas, traballos, perfís e artefactos dixitais…) e acadar co conxunto das mesmas unha puntuación media de 5 puntos ou máis.
  • Participar activamente no curso

Para verificar o cumprimento do requisito de asistencia, en todos os seminarios web en directo se realizará un control de asistencia.

A cualificación final será de APTO ou NON APTO, e estará determinada pola aplicación das seguintes ponderacións:

#ACTIVIDADE AVALIATIVAPONDERACIÓN
1Probas obxectivas dos módulos30%
2Participación e seguimento do curso10%
3Actividades a distancia (individuais e grupais)10%
4Competencia dixital (artefactos, perfís profesionais...)20%
5Traballos finais (individual e grupal)30%

Profesorado do curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta

O equipo docente que vai desenvolver o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta é o mesmo que desenvolve o programa do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, de forma que os contidos están perfectamente coordinados e o nivel dos mesmos se axusta en cada caso ao previsto no curso.

O equipo docente está composto polas seguintes pesoas, que ademais de como formadoras actúan como titoras na teleformación:

FERNANDO AGULLÓ LEAL

DIRECTOR ACADÉMICO DO CURSO, ESPECIALISTA EN EMPRENDEMENTO

Fernando Agulló Leal é Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, cun Mestrado en Creación de Empresas pola Universidade da Coruña, Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais e Project Manager por Project Management Institute – Método.

A súa experiencia profesional non se centrou exclusivamente no docencia, xa que tamén exerceu como economista ou técnico superior na Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia ata a súa incorporación como persoal docente e investigador á Universidade da Coruña, así como articulista colaborador de La Voz de Galicia no suplemento Mercados. Tamén foi Director Da Cátedra Jorge Juan.

Actualmente, ademais de exercer como Director Académico do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, é responsable da docencia impartida na Universidade da Coruña nas materias:

  • “Iniciativa Emprendedora” no Mestrado de Xestión e Dirección Laboral
  • “Introdución á Economía” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
  • “Economía e Empresa” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
  • “Creación e Dirección de Empresas” no Grao de Ciencias do Deporte e da Educación Física
  • Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM)

Podes coñecelo en about.me e en Linkedin

Mª TERESA DEUS TRASOBARES

TITORA, ESPECIALISTA EN ORIENTACIÓN LABORAL

Licenciada en Ciencias do Traballo, Mayte Deus Trasobares e presidenta de “Inprega, S. Coop. Galega”, na que tamén traballa como consultora senior.
Ten, entre outros, un  Mestrado Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacherelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas.
A súa traxectoria laboral desenvólvese sempre ligada ao mercado de traballo e ao emprego. Durante nove anos prestou servizos no INEM e, máis adiante, nos Concellos da Coruña e Ferrol, pasando despois a realizar traballos de asistencia técnica e consultoría para distintos organismos públicos.

Tamén podes coñecela en Linkedin.

CARLOS PARADA GANDOS

TITOR, ESPECIALISTA EN TIC E REDES SOCIAIS

Carlos Parada é Diplomado en Informática e posúe un Posgrao de Experto Profesional en e-Learning 2.0. Gran parte da súa experiencia profesional estivo centrada na xestión técnica de plans de formación e o diseño de plans formativos, avaliacións e metodoloxías de accións formativas relacionadas co ámbito TIC e na coordinación técnica e pedagóxica de proxectos de incorporación de tecnoloxías no ámbito da formación.

Actualmente colabora como consultor senior e formador con distintas entidades de ámbito público e privado, nas especialidades de:

  • Contornos virtuais de aprendizaxe (e-learning)
  • Identidade dixital
  • Formación do profesorado
  • Dinamización de comunidades de práctica
  • Apoio ao emprendemento

Tuitea como @carpaga. Podes coñecelo en about.me e en Linkedin.

Requisitos de matrícula

O prazo ordinario de matrícula permanece aberto dende o 1 ata o 10 de setembro de 2020 ás 14:00 h

As persoas interesadas en inscribirse deberán cumprimentar o formulario de inscrición que se enlaza a continuación, así como achegar na conta de correo pol@www.cixug.gal copia en soporte informático da seguinte documentación, para poder verificar o cumprimento dos requisitos de acceso ao posgrao:

  • Documento de identidade en vigor.
  • Certificado/volante de empadroamento vixente (menos de 6 meses de antigüidade).
  • Título universitario/certificado de expedición do título (válido en España)
  • Copia do expediente académico universitario.

Os documentos enviados deben ser copiados polas dúas caras, e o contido da copia debe ser completo, claro e lexible, sen esquinas recortadas.

Formulario de inscrición

(Pechado prazo de inscrición na edición 2020)

Tras recibir a confirmación da matrícula no correo electrónico indicado ao solicitar a inscrición, disporá de dous días hábiles para realizar o ingreso do prezo da matrícula (300,00 euros) na conta que se lle indicará na mensaxe, na que se incluirán as instrucións para remitir o xustificante do ingreso. Se transcorrido este prazo non fixese efectivo o pago, poderá perder o dereito á reserva de praza.

NOTA 1: o prezo da matrícula encóntrase subvencionado polo cofinanciamento realizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Ministerio de Traballo y Economía Social, polo que non se aplicarán descontos adicionais sobre este importe.

NOTA 2: as titulacións que requiran de convalidación en España non serán admisibles se non se acredita esta homologación.

NOTA 3: esta documentación poderá serlle solicitada en orixinal a efectos de verificación en calquera momento ao longo da duración do curso, ou con posterioridade como parte do proceso de auditoría ao que poida ser sometido por parte das entidades financiadoras.

NOTA 4: para aquelas persoas que se matriculen sen ter completado a súa titulación universitaria, será imprescindible estar en posesión do título universitario no momento de finalizar o curso de especialización para poder obter o título de posgrao. Non se conservará o expediente entre convocatorias.

Información complementaria

Para obter máis información do teu interese en relación ao Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, podes empregar os seguintes medios:

  • Enviando un correo ao enderezo electrónico pol@www.cixug.gal
  • Chamándo ao teléfono 611 412 116
Scroll ao inicio