Consorcio Interuniversitario de Galicia

Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria de Galicia

FR. AOL, 2020

Orientación Laboral

Curso Avanzado en Orientación Laboral

Edición 2020

Curso Avanzado en Orientación Laboral

3ra Edición

O Curso de Formación Específica de Posgrao Avanzado en Orientación Laboral, organizado polo CIXUG co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade e do Ministerio de Trabajo y Economia Social, continúa desenvolvendo a través da oferta de posgrao da Universidade da Coruña o currículo formativo específico para a formación do persoal dedicado á orientación laboral, afondando de xeito especializado e específico en aspectos relevantes, actuais e de interese que permitan e adquisición de novas competencias para o desempeño do seu labor profesional nas mellores condicións posibles.

Certificado pola Universidade Da Coruña

Confinancian

É por este motivo que o curso está indicado para as persoas que teñen superado o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral nalgunha das súas edicións, ou para profesionais da orientación laboral que queren afondar na súa especialización, xa que nel se abordan algúns dos contidos xa introducidos con anterioridade, pero o nivel de profundidade é aínda maior, de cara á consolidación das competencias e á definición de estatexias e itinerarios para a súa aplicación práctica e inmediata no traballo diario das persoas participantes.

Polo tanto, non só se procura afianzar competencias e incorporar outras novas, senón lograr unha aplicabilidade inmediata que teña reflexo no desempeño diario das persoas que tomen parte no curso avanzado e, por extensión, nas persoas orientadas coas que traballan e nos resultados que estas acadan nos seus procesos de procura activa de emprego.

Para saber máis:

Obxectivos

Persoas destinatarias

Metolodoxía para o desenvolvemento

Requisitos técnicos imprescindibles para o seguimento

Contidos da formación

Cando terá lugar

Condicións para o aproveitamento

Profesorado

Requisitos de matrícula e inscrición

Onde solicitar información complementaria

Relación de persoas admitidas e lista de agarda

Obxectivos

O Curso Avanzado en Orientación Laboral ten como obxectivo fundamental continuar desenvolvendo o currículo formativo específico para a formación do persoal dedicado á orientación laboral, afondando de xeito especializado e específico en aspectos relevantes, actuais e de interese que permitan e adquisición de novas competencias para o desempeño do seu labor profesional nas mellores condicións posibles.

Polo tanto, non só se procura afianzar competencias e incorporar outras novas, senón lograr unha aplicabilidade inmediata que teña reflexo no desempeño diario das persoas que tomen parte no curso avanzado e, por extensión, nas persoas orientadas coas que traballan e nos resultados que estas acadan nos seus procesos de procura activa de emprego.

Continuando co enfoque que se mantén en todo o esquema formativo, mantén o avance parello das tres vertentes fundamentais que se veñen traballando nos últimos anos:

  • Metodoloxías e técnicas para o desempeño na Orientación Laboral Aberta.
  • Apoio e asesoramento ao autoemprego e emprendemento.
  • Estratexias e ferramentas TIC para a orientación laboral aberta.

Deste xeito, se contribúe de xeito continuado a consolidar as tres perspectivas básicas tanto do modelo de orientación definido no decreto de carteira común de servizos do SNE, como no propio modelo de Orientación Laboral Aberta definido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para Galicia.

Persoas destinatarias

Este curso avanzado está orientado aos seguintes perfís:

  • Persoas que teñen obtido o título de posgrao de Especialista Universitario en Orientación Laboral, como consecuencia de ter superado o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.
  • Profesionais da orientación laboral que queren afondar nos contidos específicos que se tratan no curso.

Igualmente, conforme ao artigo 8 do regulamento de estudos propios de posgrao da UDC, poderán acceder ao curso as persoas que teñan superados os créditos do primeiro ciclo das actuais titulacións de dous ciclos.

Metodoloxía para o desenvolvemento

Debido á situación derivada da COVID-19, para poder garantir a seguridade de todas as persoas que realizan o posgrao, ao tempo que se evitan posibles incidencias no ámbito docente que impidan o seu normal desenvolvemento, nesta edición o curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral celebrarase en modalidade 100% en liña.

Deste xeito, as sesións presenciais que se viñan realizando no posgrao serán substituídas por seminarios web en directo, de obrigada asistencia e que terán lugar no mesmo horario no que se viñan desenvolvendo nas anteriores edicións as sesións presenciais: os venres de 16:00 h a 20:30 h e os sábados de 9:30 h. a 14:00 h. De xeito complementario, continuarán a desenvolverse as actividades de teleformación a través da aula virtual do CIXUG.

Isto implica, máis que nunca, a importancia de atender aos requisitos técnicos especificados para o seguimento do curso que se detallan neste apartado.

Sempre que a situación epidemiolóxica e as recomendacións sanitarias o permitan, procurarase fomentar entre as persoas participantes sesións voluntarias de networking presencial (ben durante o curso ou con posterioridade a este), para favorecer o coñecemento persoal entre as persoas que forman parte do curso e procurar así outro dos grandes obxectivos desta formación, que é a xeración de contactos para o traballo en rede.

Requisitos técnicos para o seguimento

Ao tratarse dunha edición totalmente en liña a través da plataforma Moodle do CIXUG, resulta imprescindible que as persoas participantes se aseguren de dispoñer de:

  • Computador persoal con resolución de pantalla recomendada de 1024 x 768 ou superior.
  • Conexión a Internet de banda larga, sendo recomendable contar cun antivirus actualizado.
  • Navegador Mozilla Firefox ou Google Chrome en versión actualizada (NOTA: algunhas funcionalidades de Moodle poden non funcionar con Internet Explorer ou Microsoft Edge, polo que se desaconsella o seu uso).
  • Imprescindible dispoñer de cámara web, altofalantes e micrófono, sendo recomendable para un mellor seguimento do curso dispoñer de auriculares con micrófono integrado.
  • Ter javascript e cookies activadas no navegador.
  • Seguir os seminarios web en directo require a instalación do cliente Zoom para reunións, que pode obterse de xeito gratuíto neste enlace.
  • Ver os documentos en PDF precisa a instalación de Acrobat Reader, que pode obterse de xeito gratuíto neste enlace.

Algunhas das actividades formativas e avaliativas do curso requiren de acceso e interacción a través da rede, así como da creación de artefactos dixitais e de vídeo; e os contidos dos diferentes temas non serán descargables ata a finalización dos mesmos dado que tamén a súa visualización na aula virtual se terá en conta como criterio de aproveitamento.

Ademais, e dado o enfoque innovador do Curso Avanzado no uso das ferramentas TIC e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión do emprego, pode requirirse da instalación por parte das persoas participantes de determinado software ou plugins no seu computador que, en todo caso, será gratuíto e de uso libre.

Igualmente, para posibilitar a participación e óptimo aproveitamento de determinadas actividades do curso, poderá requirirse das persoas participantes o seu rexistro en plataformas ou redes sociais, creando perfís profesionais reais, que deberán manterse activos mentres non finalice o curso.

En calquera caso, os requisitos concretos que precise cada persoa formadora en relación ás súas actividades, así como as instrucións para a súa descarga e instalación, serán publicados na aula virtual do curso con antelación suficiente para posibilitar a correcta instalación e a dispoñibilidade dos mesmos.

Contidos da formación

O Curso de Formación Específica de Posgrao Avanzado en Orientación Laboral Aberta contempla 27 horas de seminarios web en directo, a desenvolver en xornadas de venres pola tarde (16.00 h a 20.30 h) e sábado pola mañá (9.30 h a 14.00 h).

A formación complétase sumando a estes seminarios a formación a distancia, as actividades avaliativas, o repaso e o traballo persoal do alumnado ata totalizar as 150 horas que conforman o curso.

Os seminarios web servirán para desenvolver obradorios e sesións prácticas que permitan afianzar os conceptos clave, resolver dúbidas e incidir de xeito eficaz nos coñecementos adquiridos, contando cunha actividade avaliativa para cada un dos ámbitos de especialización que compoñen o curso.

O curso desenvolveranse sobre a plataforma Moodle do CIXUG, polo que as persoas asistentes deberán dispoñer dos equipos e medios técnicos necesarios, descritos no apartado requisitos técnicos para o seguimento do curso avanzado.

O programa do curso está composto polos seguintes módulos e temas, organizados en ámbitos de especialización:

MÓDULO 1. Prospección de empresas e intermediación laboral nos programas de emprego (2 créditos ECTS)
  • Tema 1: fundamentos da prospección e da intermediación laboral.
  • Tema 2: metodoloxías para a prospección e a intermediación laboral.
MÓDULO 2. Análise económica e financeira para coñecer a viabilidade dun proxecto emprendedor (2 créditos ECTS)
  • Tema 3: análise financeira do plan de empresa.
  • Tema 4: análise económica do plan de empresa.
MÓDULO 3. Estratexia TIC para a Orientación Laboral Aberta: a curación de contidos (2 créditos ECTS)
  • Tema 5: os algoritmos e a burbulla de filtros.
  • Tema 6: a curación de contidos.
  • Tema 7: planificación. Procura e selección de contidos.
  • Tema 8: achega de valor e publicación.

Cando terá lugar

O curso avanzado desenvolverase a partires do 17 de outubro de 2020 na aula virtual do CIXUG, con seminarios web en directo que terán lugar os venres pola tarde en horario de 16.00 h a 20.30 h, e os sábados pola mañá en horario de 9.30 h a 14.00 h. Realizarase control de asistencia aos mesmos.

Os seminarios web en directo terán lugar nas datas e cos contidos indicados a continuación:

  • 17/10/2020: prospección de empresas e intermediación laboral (1ª parte)
  • 23/10/2020: análise de viabilidade do plan de empresa (1ª parte)
  • 24/10/2020: prospección de empresas e intermediación laboral (2ª parte)
  • 30/10/2020: análise de viabilidade do plan de empresa (2ª parte)
  • 06/11/2020: unha estratexia de curación de contidos efectiva (1ª parte)
  • 07/11/2020: unha estratexia de curación de contidos efectiva (2ª parte)

NOTA: en funcion de criterios organizativos e didácticos a orde das sesións poderase alterar, pero sempre dentro dos días indicados.

Condicións para o aproveitamento

Para superar o curso requírese:

  • Completar a asistencia a cando menos o 80% dos semiarios web en directo (o que supón un máximo de 1 ausencia).
  • Superar o conxunto das actividades avaliativas previstas no curso cunha nota media final de 5 ou máis puntos.
  • Visualizar e traballar cos contidos dos temas sobre a aula virtual.
  • Valorarase a participación nos debates e propostas da aula.

Tamén se terán en consideración outros aspectos como as evidencias na adquisición das competencias e a constancia no seguimento do curso.

Para verificar o cumprimento do requisito de asistencia, en todos os seminarios web en directo se realizará un control de asistencia.

A cualificación final será de APTO ou NON APTO, e estará determinada pola aplicación das seguintes ponderacións:

#ACTIVIDADE AVALIATIVAPONDERACIÓN
1Tarefas avaliativas do ámbito da orientación laboral aberta30%
2Tarefas avaliativas do ámbito da empresa e o emprendemento30%
3Tarefas avaliativas do ámbito das TIC para a orientación laboral30%
4Participación e seguimento do curso10%

Profesorado do curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta

O equipo docente que vai desenvolver o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta é o mesmo que desenvolve o programa do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, de forma que os contidos están perfectamente coordinados e o nivel dos mesmos se axusta en cada caso ao previsto no curso.

O equipo docente está composto polas seguintes pesoas, que ademais de como formadoras actúan como titoras na teleformación:

FERNANDO AGULLÓ LEAL

DIRECTOR ACADÉMICO DO CURSO, ESPECIALISTA EN EMPRENDEMENTO

Fernando Agulló Leal é Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, cun Mestrado en Creación de Empresas pola Universidade da Coruña, Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais e Project Manager por Project Management Institute – Método.

A súa experiencia profesional non se centrou exclusivamente no docencia, xa que tamén exerceu como economista ou técnico superior na Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia ata a súa incorporación como persoal docente e investigador á Universidade da Coruña, así como articulista colaborador de La Voz de Galicia no suplemento Mercados. Tamén foi Director Da Cátedra Jorge Juan.

Actualmente, ademais de exercer como Director Académico do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, é responsable da docencia impartida na Universidade da Coruña nas materias:

  • “Iniciativa Emprendedora” no Mestrado de Xestión e Dirección Laboral
  • “Introdución á Economía” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
  • “Economía e Empresa” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
  • “Creación e Dirección de Empresas” no Grao de Ciencias do Deporte e da Educación Física
  • Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM)

Podes coñecelo en about.me e en Linkedin

Mª TERESA DEUS TRASOBARES

TITORA, ESPECIALISTA EN ORIENTACIÓN LABORAL

Licenciada en Ciencias do Traballo, Mayte Deus Trasobares e presidenta de “Inprega, S. Coop. Galega”, na que tamén traballa como consultora senior.
Ten, entre outros, un  Mestrado Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacherelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas.
A súa traxectoria laboral desenvólvese sempre ligada ao mercado de traballo e ao emprego. Durante nove anos prestou servizos no INEM e, máis adiante, nos Concellos da Coruña e Ferrol, pasando despois a realizar traballos de asistencia técnica e consultoría para distintos organismos públicos.

Tamén podes coñecela en Linkedin.

CARLOS PARADA GANDOS

TITOR, ESPECIALISTA EN TIC E REDES SOCIAIS

Carlos Parada é Diplomado en Informática e posúe un Posgrao de Experto Profesional en e-Learning 2.0. Gran parte da súa experiencia profesional estivo centrada na xestión técnica de plans de formación e o diseño de plans formativos, avaliacións e metodoloxías de accións formativas relacionadas co ámbito TIC e na coordinación técnica e pedagóxica de proxectos de incorporación de tecnoloxías no ámbito da formación.

Actualmente colabora como consultor senior e formador con distintas entidades de ámbito público e privado, nas especialidades de:

  • Contornos virtuais de aprendizaxe (e-learning)
  • Identidade dixital
  • Formación do profesorado
  • Dinamización de comunidades de práctica
  • Apoio ao emprendemento

Tuitea como @carpaga. Podes coñecelo en about.me e en Linkedin.

Requisitos de matrícula

O prazo ordinario de matrícula permanecerá aberto dende o 1 ata o 15 de outubro de 2020 (sempre que queden prazas dispoñibles). Non obstante, se superado este prazo continúa a haber prazas dispoñibles, manterase aberta a posibilidade de inscribirse en tanto queden prazas dispoñibles e non comece o curso.

Para matricularse no Curso Avanzado en Orientación Laboral é necesario cubrir o formulario de inscrición que se enlaza a continuación, así como achegar na conta de correo pol@www.cixug.gal copia actualizada en soporte informático da seguinte documentación:

  • Documento de identidade en vigor.
  • Certificado/volante de empadroamento actualizado e vixente (menos de 6 meses de antigüidade).
  • Título universitario (ou certificado de expedición do título) válido en España.
  • Copia do expediente académico universitario, xa que o número de persoas solicitantes supera o de prazas dispoñibles.

Os documentos enviados deben ser copiados polas dúas caras, e o contido da copia debe ser completo, claro e lexible, sen esquinas recortadas.

Formulario de inscrición

(Pechado prazo de inscrición na edición 2020)

Unha vez pechado o prazo de matrícula, publicarase nesta páxina a relación de persoas admitidas e unha lista de agarda, composta por un máximo de 15 persoas, ordeadas por media do expediente académico.

As persoas admitidas, tras recibir a confirmación da preinscrición, disporán de dous días hábiles para realizar o ingreso do prezo da matrícula (150,00 euros) e remitir unha copia do modo que se lle indicará no correo electrónico de confirmación. Se transcorrido este prazo non fixesen efectivo o pago, poderá perder o dereito á reserva de praza e esta pasará á seguinte persoa da lista de agarda.

NOTA 1: o prezo da matrícula encóntrase subvencionado polo cofinanciamento realizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Ministerio de Trabajo y Economía Social, polo que non se aplicarán descontos adicionais sobre este importe.

NOTA 2: as titulacións que requiran de convalidación en España non serán admisibles se non se acredita esta homologación.

NOTA 3: esta documentación poderá serlle solicitada en orixinal a efectos de verificación en calquera momento ao longo da duración do curso, ou con posterioridades como parte do proceso de auditoría ao que poida ser sometido por parte das entidades financiadoras.

NOTA 4: para aquelas persoas que se matriculen sen ter completado a súa titulación universitaria, será imprescindible estar en posesión do título universitario no momento de finalizar o curso de especialización para poder obter o título de posgrao. Non se conservará o expediente entre convocatorias.

Información complementaria

Para obter máis información do teu interese en relación ao Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, podes empregar os seguintes medios:

  • Enviando un correo ao enderezo electrónico pol@www.cixug.gal
  • Chamándo ao teléfono 611 412 116
Scroll ao inicio