Orientación Laboral
Posgrao de Especialización en Orientación Laboral
Edición 2018
Posgrao de Especialización en Orientación Laboral
5ta Edición
Ao longo dos últimos anos, as políticas activas de emprego teñen gañado un importante peso no eido da promoción e mellora da empregabilidade das persoas desempregadas para facilitarlles unha axeitada busca de emprego e unha inserción laboral axustada; e dentro destas políticas activas, unha das accións fundamentais que se desenvolven nesta materia é a orientación laboral.
Ante un escenario como o actual, no que a recuperación económica semella consolidarse, o labor da orientación laboral é máis necesario que nunca, coa esixencia adicional dunha maior eficacia e eficiencia para enfocar os recursos de orientación dispoñibles a resultados, permitindo ás persoas desempregadas unha maior autonomía e implicación nos seus procesos de busca de emprego.
A isto engádese a aposta desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria dentro da Axenda 20 para o Emprego en Galicia, por un novo modelo de orientación laboral aberta, moi centrada no traballo en rede do persoal orientador e no uso das TIC como ferramenta tanto de relación e interacción coas persoas demandantes, como para a procura de novas oportunidades de emprego.
Desde esta perspectiva, é tamén máis necesario que nunca desenvolver accións especializadas e especificamente destinadas a mellorar a cualificación e as competencias do persoal que se está a dedicar ou que ten como obxectivo dedicarse aos labores de orientación laboral, de xeito que poidan desenvolver este labor coa máxima eficacia e eficiencia, tanto en beneficio das persoas atendidas como no seu propio.
Por este motivo o Consorcio CIXUG, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, pon en marcha a través das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) este Curso de Posgrao Universitario de Especialización en Orientación Laboral, que nesta edición de 2018 será xestionado de novo como título propio da Universidade da Coruña.
Este curso, que dará dereito á obtención do titulo de Especialista Universitario en Orientación Laboral, é único en España polas súas características, xa que reúne de xeito integral nun único curso de posgrao de carácter práctico e especializado as mellores prácticas no ámbito da orientación laboral, xunto coas competencias e as ferramentas tecnolóxicas necesarias para permitir ao persoal dedicado á orientación laboral aplicalas no seu día a día con garantías de máxima utilidade.
Deste xeito, o CIXUG colabora no desenvolvemento dun currículo formativo específico que por unha banda permita ás persoas participantes no curso desenvolver as súas capacidades para mellorar a calidade das actividades de orientación laboral que reciben as persoas desempregadas; e que por outra ofreza ás institucións que oferten estes servizos ás persoas desempregadas, un instrumento obxectivo que acredite a capacidade deste persoal para o óptimo desenvolvemento das accións que teña previsto abordar.
Para saber máis:
Obxectivos
Entre os obxectivos que se perseguen coa celebración do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral prima o de permitir que o persoal técnico vinculado ao labor de orientación laboral nas entidades públicas locais, provinciais ou de calquera outro tipo e das entidades privadas, poida potenciar os seus coñecementos e competencias profesionais e persoais cara a unha mellor atención á poboación demandante dos seus servizos.
Pero ademais, son obxectivos deste curso os seguintes:
- Integrar nun proceso de formación os criterios e principios básicos esenciais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera técnica/o que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego.
- Axudar a actualizar e a renovar os coñecementos técnicos no ámbito da interacción coas persoas demandantes de emprego, na busca de mellorar a súa empregabilidade e ocupabilidade.
- E abrir a vía de desenvolvemento profesional vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que, independentemente da situación laboral na que se encontren, poidan adquirir uns coñecementos esenciais para poder facer fronte a dito desenvolvemento profesional.
Por este motivo, tanto a formación como os seus contidos e os métodos didácticos se teñen deseñado dun xeito eminentemente práctico, requirindo de interacción constante entre as persoas participantes e de participación e mediante o uso de diferentes canles e ferramentas tecnolóxicas que deberán aplicar con posterioridade no seu entorno real de traballo; e estes contidos se teñen desenvolvido de xeito específico para esta formación por persoal experto, que será ademais o que participe no desenvolvemento do curso tanto na parte presencial como nos contidos de eLearning.
Persoas destinatarias
Ao tratarse dun curso universitario de posgrao, é requisito imprescindible que as persoas que desexen participar no mesmo conten con titulación universitaria obtida, recoñecida ou homologada en España, no momento de finalización do posgrao.
Ademais da titulación universitaria, este curso está dirixido a persoas empadroadas en Galicia, que teñan como obxectivo profesional desenvolver a súa actividade no eido da orientación laboral e no apoio ás persoas que procuran emprego, e que se atopen nalgún dos seguintes grupos:
- Persoas que na actualidade se veñen dedicando a actividades de orientación laboral
- Axentes de desenvolvemento local
- Técnicos de emprego
- Traballadoras e traballadores sociais
- Persoal de organismos públicos e privados que están a relacionarse coa poboación demandante de emprego
- Calquera outra persoa que desexe adquirir novos coñecementos no ámbito da orientación laboral
Igualmente, conforme ao artigo 8 do regulamento de estudos propios de posgrao da UDC, poderán acceder ao curso as persoas que teñan superados os créditos do primeiro ciclo das actuais titulacións de dous ciclos.
(*) Nota importante: O persoal que na actualidade estea a desempeñar labores de orientación ao amparo da Orde do 19 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2018, debe indicalo á Secretaría Técnica do curso ao formalizar a súa matrícula, para que poida coordinar cos servizos técnicos da Consellería de Economía, Emprego e Industria a xestión da súa axenda dos venres nos que haxa sesións presenciais durante o tempo que dure o curso, como axuda adicional para acadar o máximo aproveitamento do mesmo.
Requisitos técnicos para o seguimento
Ao tratarse dun curso en modo blended learning cun importante compoñente de teleformación a través da plataforma Moodle do CIXUG, resulta imprescindible que as persoas participantes conten cun computador con:
- Versión actualizada do seu navegador (preferentemente Mozilla Firefox ou Google Chrome)
- Cámara web
- Altofalantes
- Micrófono
- Acceso a Internet
Xa que moitas das actividades formativas e avaliativas do curso requiren de acceso e interacción a través da rede, así como da creación de artefactos dixitais e de vídeo; e os contidos dos diferentes temas non serán descargables ata a finalización dos mesmos dado que tamén a súa visualización na plataforma se terá en conta como criterio de aproveitamento.
Ademais, e dado o enfoque innovador do curso de posgrao no uso das ferramentas TIC e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión do emprego, pode requirirse da instalación por parte das persoas participantes de determinado software ou plugins no seu computador que, en todo caso, será gratuíto e de uso libre. Igualmente, para posibilitar a participación e óptimo aproveitamento de determinadas actividades do curso, poderá requirirse as persoas participantes o seu rexistro en plataformas ou redes sociais, creando perfís profesionais reais.
Do mesmo xeito, as persoas participantes no curso de especialización deberán acudir ás sesións presenciais cun computador persoal ou, no seu defecto, cun dispositivo móbil equivalente (tablet ou smartphone, aínda que algunhas funcionalidades poderían verse limitadas neste caso) que permita o acceso a Internet a través de WIFI e a interacción coa plataforma Moodle e as diferentes ferramentas empregadas, xa que algunha das tarefas propostas poderá requirir a intervención ao longo da sesión con diferentes servizos e espazos.
En calquera caso, os requisitos concretos que precise cada formador en relación ás súas actividades, así como as instrucións para a súa descarga e instalación, serán publicados na plataforma Moodle do curso con antelación suficiente para posibilitar a correcta instalación e a dispoñibilidade dos mesmos.
Contidos da formación
O Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral consta de 26 créditos ECTS, dentro dos que se contemplan 94,5 horas de formación presencial, a desenvolver en xornadas de venres pola tarde (16.00 h a 20.30 h) e sábado pola mañá (9.30 h a 14.00 h) no Centro de Novas Tecnoloxías Galicia dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, emprazado en Santiago de Compostela.
A formación complétase sumando ás sesións presenciais a formación a distancia, as actividades avaliativas, de repaso e o traballo persoal do alumnado ata totalizar as 650 horas que conforman o posgrao.
As sesións presenciais servirán para afianzar os conceptos máis importantes, resolver dúbidas e incidir de xeito práctico nos coñecementos adquiridos, rematando cada bloque cunha proba obxectiva de avaliación para determinar o nivel de aproveitamento por parte de cada persoa participante
Os contidos a distancia desenvolveranse sobre a plataforma Moodle do CIXUG, polo que as persoas asistentes deberán dispoñer dos equipos e medios técnicos necesarios (ver apartado REQUISITOS TÉCNICOS PARA O SEGUIMENTO DO CURSO).
O programa do curso está composto polos seguintes módulos de contidos:
MÓDULO 1: MARCO CONCEPTUAL
- Tema 1: a orientación laboral aberta, novo paradigma para Galicia
- Tema 2: mercado laboral
- Tema 3: certificación e formación profesional
- Tema 4: a política social e de emprego na Unión Europea
- Tema 5: a iniciativa emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral
MÓDULO 2: MARCO PERSOAL
- Tema 6: a orientación laboral aberta e as competencias
- Tema 7: desenvolvemento de competencias comunicativas
- Tema 8: habilidades e competencias sociais
- Tema 9: a web 2.0 para a orientación laboral
- Tema 10: competencias dixitais para a orientación laboral
MÓDULO 3: MARCO INSTRUMENTAL
- Tema 11: o traballo do orientador laboral I: intermediación laboral
- Tema 12: o traballo do orientador laboral II: itinerarios de inserción
- Tema 13: o traballo do orientador laboral III: procesos individuais de orientación e axuda na Toma de decisións
- Tema 14: o traballo do orientador laboral IV: análise de perfís profesionais e prospección de emprego
- Tema 15: o traballo do orientador laboral V: técnicas e ferramentas para o acceso ao autoemprego
- Tema 16: o traballo do orientador laboral VI: A elaboración do plan de empresa
MÓDULO 4: PROXECTO FINAL
- Parte individual
- Parte grupal
Lugar de celebración das sesións presenciais
As sesións presenciais desenvolveranse no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria, emprazado en Santiago de Compostela:
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
- Rúa Airas Nunes, s/n – Conxo
- 15702 – Santiago de Compostela
Coordenadas GPS:
- W 8º 33′ 16,35”
- N 42º 51′ 47,21”
Cando terá lugar
O curso desenvolverase desde o 14 de setembro de 2018, combinando a formación a distancia coa formación presencial.
As sesións presenciais terán lugar os venres pola tarde en horario de 16.00 h a 20.30 h, e os sábados pola mañá en horario de 9.30 h a 14.00 h. Realizarase tanto control de entrada como de saída nas sesións presenciais, polo que se prega puntualidade no acceso ás mesmas.
As sesións presenciais terán lugar nas datas indicadas a continuación, no Salón de Actos do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela):
Módulo 1: Marco conceptual da Orientación Laboral Aberta
- 07/09/2018: A orientación laboral en Galicia
- 14/09/2018: Certificación e acreditación de competencias
- 15/09/2018: O ecosistema TIC
- 21/09/2018: O mercado laboral e a iniciativa emprendedora
- 22/09/2018: O labor orientador dende un blogue
- 28/09/2018: A política social de emprego na UE. Estratexias de orientación: O emprego con apoio
- 29/09/2018: Orientación para a igualdade e a inclusión sociolaboral
- 05/10/2018: O deseño do modelo de negocio (método Canvas)
- 06/10/2018: Micro obradoiros do módulo I
Módulo 2: Marco persoal
- 19/10/2018: Competencias sociais e comunicativas (parte I)
- 20/10/2018: Competencias sociais e comunicativas (parte II)
- 26/10/2018: O noso PLE (Contorno Persoal de Aprendizaxe)
- 27/10/2018: Identidade dixital e reputación online
- 02/11/2018: Micro obradoiros do módulo II
Módulo 3: Marco instrumental
- 03/11/2018: O Proceso individual de Orientación Laboral. A entrevista de orientación laboral
- 09/11/2018: Dinamización de espazos sociais para a orientación laboral
- 10/11/2018: Itinerarios persoalizados de inserción laboral. Proceso, características e aplicación a distintos colectivos
- 16/11/2018: procesos de selección de persoal: entrevista de traballo e dinámicas grupais. Entrevista de selección de persoal por competencias
- 17/11/2018: A elaboración do plan de empresa (parte I)
- 23/11/2018: A prospección de emprego e a intermediación laboral
- 24/11/2018: A elaboración do plan de empresa (parte II)
- 30/11/2018: Micro obradoiros do módulo III
Sesión de clausura:
- 14/12/2018: sesión de clausura
NOTA: en funcion de criterios organizativos e didácticos a orde das sesións poderase alterar, pero sempre dentro dos días indicados.
Condicións para o aproveitamento
Para superar o curso requírese:
- Completar a asistencia a cando menos o 80% das sesións presenciais (o que supón un máximo admisible de 5 ausencias)
- Visualizar e traballar os contidos dos temas sobre a plataforma Moodle
- Acadar co conxunto das tarefas avaliativas unha puntuación media de 5 puntos ou máis, considerando o total das actividades avaliativas propostas no curso (exames, tarefas, traballos…)
- Participar activamente no curso
Para verificar o cumprimento do requisito de asistencia, en todas as sesións presenciais se realizará un control de sinaturas na entrada e na saída. A folla de sinaturas correspondente estará dispoñible nun intervalo de 15 minutos da hora de inicio da sesión, e a de saída desde o momento en que a persoa que desenvolva a sesión presencial a dea por finalizada.
A ponderación das avaliacións nas diferentes actividades avaliativas realizarase conforme ao seguinte esquema.
# | ACTIVIDADE AVALIATIVA | PONDERACIÓN |
---|---|---|
1 | Probas obxectivas dos módulos | 30% |
2 | Participación e seguimento do curso | 10% |
3 | Actividades a distancia (individuais e grupais) | 10% |
4 | Competencia dixital (artefactos, perfís profesionais...) | 20% |
5 | Traballos finais (individual e grupal) | 30% |
Profesorado do curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta
O equipo docente que vai desenvolver o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta é o mesmo que desenvolve o programa do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, de forma que os contidos están perfectamente coordinados e o nivel dos mesmos se axusta en cada caso ao previsto no curso.
O equipo docente está composto polas seguintes pesoas, que ademais de como formadoras actúan como titoras na teleformación:
FERNANDO AGULLÓ LEAL
DIRECTOR ACADÉMICO DO CURSO, ESPECIALISTA EN EMPRENDEMENTO
Fernando Agulló Leal é Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, cun Mestrado en Creación de Empresas pola Universidade da Coruña, Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais e Project Manager por Project Management Institute – Método.
A súa experiencia profesional non se centrou exclusivamente na docencia, xa que tamén exerceu como economista ou técnico superior na Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia ata a súa incorporación como persoal docente e investigador á Universidade da Coruña, así como articulista colaborador de La Voz de Galicia no suplemento Mercados. Tamén foi Director Da Cátedra Jorge Juan.
Actualmente, ademais de exercer como Director Académico do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, é responsable da docencia impartida na Universidade da Coruña nas materias:
- “Iniciativa Emprendedora” no Mestrado de Xestión e Dirección Laboral
- “Introdución á Economía” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
- “Economía e Empresa” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
- “Creación e Dirección de Empresas” no Grao de Ciencias do Deporte e da Educación Física
- Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM)
Mª TERESA DEUS TRASOBARES
TITORA, ESPECIALISTA EN ORIENTACIÓN LABORAL
Licenciada en Ciencias do Traballo, Mayte Deus Trasobares e presidenta de “Inprega, S. Coop. Galega”, na que tamén traballa como consultora senior.
Ten, entre outros, un Mestrado Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacherelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas.
A súa traxectoria laboral desenvólvese sempre ligada ao mercado de traballo e ao emprego. Durante nove anos prestou servizos no INEM e, máis adiante, nos Concellos da Coruña e Ferrol, pasando despois a realizar traballos de asistencia técnica e consultoría para distintos organismos públicos.
Tamén podes coñecela en Linkedin.
CARLOS PARADA GANDOS
TITOR, ESPECIALISTA EN TIC E REDES SOCIAIS
Carlos Parada é Diplomado en Informática e posúe un Posgrao de Experto Profesional en e-Learning 2.0. Gran parte da súa experiencia profesional estivo centrada na xestión técnica de plans de formación e o diseño de plans formativos, avaliacións e metodoloxías de accións formativas relacionadas co ámbito TIC e na coordinación técnica e pedagóxica de proxectos de incorporación de tecnoloxías no ámbito da formación.
Actualmente colabora como consultor senior e formador con distintas entidades de ámbito público e privado, nas especialidades de:
- Contornos virtuais de aprendizaxe (e-learning)
- Identidade dixital
- Formación do profesorado
- Dinamización de comunidades de práctica
- Apoio ao emprendemento
Tuitea como @carpaga. Podes coñecelo en about.me e en Linkedin.
Requisitos de matrícula
As persoas interesadas en inscribirse deberán cumprimentar o formulario de inscrición que se enlaza a continuación, así como achegar na conta de correo pol@cixug.es copia en soporte informático da seguinte documentación, para poder verificar o cumprimento dos requisitos de acceso ao posgrao:
- Documento de identidade
- Certificado/volante de empadroamento vixente (menos de 6 meses de antigüidade)
- Título universitario/certificado de expedición do título
- No caso de que o número de persoas solicitantes supere as prazas dispoñibles, deberá achegar copia do expediente académico universitario, xa que o criterio de acceso nese caso virá determinado pola nota media do expediente. De ser necesario, este documneto seralle requirido posteriormente
Os documentos enviados deben ser copiados polas dúas caras, e o contido da copia debe ser completo, claro e lexible, sen esquinas recortadas.
Formulario de inscrición
(Pechado prazo de inscrición)
Tras recibir a confirmación da matrícula no correo electrónico indicado ao solicitar a inscrición, disporá de tres días hábiles para realizar o ingreso do prezo da matrícula (250,00 euros) na conta que se lle indicará na mensaxe, na que se incluirán as instrucións para remitir o xustificante do ingreso. Se transcorrido este prazo non fixese efectivo o pago, perderá o dereito á reserva de praza.
NOTA 1: o prezo da matrícula encóntrase subvencionado polo cofinanciamento realizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, polo que non se aplicarán descontos adicionais sobre este importe.
NOTA 2: as titulacións que requiran de convalidación en España non serán admisibles se non se acredita esta homologación.
NOTA 3: esta documentación poderá serlle solicitada en orixinal a efectos de verificación en calquera momento ao longo da duración do curso, ou con posterioridade como parte do proceso de auditoría ao que poida ser sometido por parte das entidades financiadoras.
NOTA 4: para aquelas persoas que se matriculen sen ter completado a súa titulación universitaria, será imprescindible estar en posesión do título universitario no momento de finalizar o curso de especialización para poder obter o título de posgrao. Non se conservará o expediente entre convocatorias.
Información complementaria
Para obter máis información do teu interese en relación ao Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, podes empregar os seguintes medios:
- Enviando un correo ao enderezo electrónico pol@www.cixug.gal
- Chamándo ao teléfono 611 412 116