Orientación Laboral
Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta
Edición 2020
Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta
3ra Edición
O Consorcio CIXUG, co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade e do Ministerio de Trabajo y Economía Social, pon en marcha o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta para cubrir o baleiro que actualmente existe entre o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral e a carencia de formación inicial para aquelas persoas que, estando potencialmente interesadas na profesión, carecen de experiencia previa e non atopan referentes formativos.
Cofinanciado por:
Deste xeito, o curso de introdución pretende constituírse como un primeiro achegamento para as persoas que, tendo interese potencial en desenvolver o seu futuro profesional no eido da orientación laboral, carecen do coñecemento preciso en relación aos contidos do servizo e en que consiste exactamente, cales son as competencias necesarias e que implica na práctica o seu desenvolvemento.
Para saber máis:
Obxectivos
O obxectivo fundamental deste Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta é o de servir como primeira aproximación aos contidos, competencias, ferramentas e metodoloxías para o desenvolvemento da Orientación Laboral Aberta en Galicia, trasladando ás persoas participantes un coñecemento preciso sobre os recursos persoais, as metodoloxías, tecnoloxías e competencias que deben traballar para poder chegar a desenvolverse neste eido de xeito profesional, servindo como paso previo ao Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.
Pero ademais, son obxectivos deste curso os seguintes:
- Integrar nun proceso de formación os criterios e principios básicos esenciais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera técnica/o que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego.
- Abrir a vía de desenvolvemento vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que poidan estar interesadas en dirixir cara esta vía o seu futuro profesional.
- Completar o desenvolvemento do currículo formativo para a orientación laboral, provendo un itinerario completo e coordinado desde os niveis máis básico ata o máis avanzado.
Por este motivo, tanto a formación como os seus contidos e os métodos didácticos se teñen deseñado combinando e equilibrando as sesións expositivas con elementos prácticos, requirindo de interacción e de participación e mediante o uso de canles e ferramentas tecnolóxicas que se aplican nos contornos reais de traballo; e estes contidos se teñen desenvolvido de xeito específico para esta formación polo equipo docente que participará no seu desenvolvemento.
Persoas destinatarias
O Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta está orientado aos seguintes perfís:
- Persoas universitarias nos últimos cursos, que pensan que poden ter na orientación laboral un ámbito axeitado para o desenvolvemento do seu futuro profesional.
- Persoas tituladas universitarias sen experiencia previa no ámbito da orientación laboral e que queren valorar a súa aproximación a esta actividade para o desenvolvemento da súa actividade profesional.
- Outras persoas que desenvolvan a súa actividade profesional no ámbito do emprego, e queiran realizar unha aproximación aos contidos e metodoloxías da orientación laboral aberta como complemento aos seus eidos de traballo.
Recoméndase a realización previa deste curso de iniciación para persoas interesadas en realizar posteriormente o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, se carecen de experiencia previa nesta materia.
Metodoloxía para o desenvolvemento
Debido á situación derivada da COVID-19, para poder garantir a seguridade de todas as persoas que realizan o Curso de Introducción á Orientación Laboral Aberta, ao tempo que se evitan posibles incidencias no ámbito docente que impidan o seu normal desenvolvemento, nesta edición o curso celebrarase en modalidade 100% en liña.
Deste xeito, as sesións presenciais que se viñan realizando no curso serán substituídas por seminarios web en directo, de obrigada asistencia e que terán lugar no mesmo horario no que se viñan desenvolvendo nas anteriores edicións as sesións presenciais: os venres de 16:00 h a 20:30 h e os sábados de 9:30 h. a 14:00 h. De xeito complementario, continuarán a desenvolverse as actividades de teleformación a través da aula virtual do CIXUG.
Isto implica, máis que nunca, a importancia de atender aos requisitos técnicos especificados para o seguimento do curso que se detallan neste apartado.
Sempre que a situación epidemiolóxica e as recomendacións sanitarias o permitan, procurarase fomentar entre as persoas participantes sesións voluntarias de networking presencial (ben durante o curso ou con posterioridade a este), para favorecer o coñecemento persoal entre as persoas que forman parte do curso e procurar así outro dos grandes obxectivos desta formación, que é a xeración de contactos para o traballo en rede.
Requisitos técnicos para o seguimento
Ao tratarse dunha edición totalmente en liña a través da plataforma Moodle do CIXUG, resulta imprescindible que as persoas participantes se aseguren de dispoñer de:
- Computador persoal con resolución de pantalla recomendada de 1024 x 768 ou superior.
- Conexión a Internet de banda larga, sendo recomendable contar cun antivirus actualizado.
- Navegador Mozilla Firefox ou Google Chrome en versión actualizada (NOTA: algunhas funcionalidades de Moodle poden non funcionar con Internet Explorer ou Microsoft Edge, polo que se desaconsella o seu uso).
- Imprescindible dispoñer de cámara web, altofalantes e micrófono, sendo recomendable para un mellor seguimento do curso dispoñer de auriculares con micrófono integrado.
- Ter javascript e cookies activadas no navegador.
- Seguir os seminarios web en directo require a instalación do cliente Zoom para reunións, que pode obterse de xeito gratuíto neste enlace.
- Ver os documentos en PDF precisa a instalación de Acrobat Reader, que pode obterse de xeito gratuíto neste enlace.
Algunhas das actividades formativas e avaliativas do curso requiren de acceso e interacción a través da rede, así como da creación de artefactos dixitais e de vídeo; e os contidos dos diferentes temas non serán descargables ata a finalización dos mesmos dado que tamén a súa visualización na aula virtual se terá en conta como criterio de aproveitamento.
Ademais, e dado o enfoque innovador do curso de introducción no uso das ferramentas TIC e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión do emprego, pode requirirse da instalación por parte das persoas participantes de determinado software ou plugins no seu computador que, en todo caso, será gratuíto e de uso libre.
Igualmente, para posibilitar a participación e óptimo aproveitamento de determinadas actividades do curso, poderá requirirse das persoas participantes o seu rexistro en plataformas ou redes sociais, creando perfís profesionais reais, que deberán manterse activos mentres non finalice o curso.
En calquera caso, os requisitos concretos que precise cada persoa formadora en relación ás súas actividades, así como as instrucións para a súa descarga e instalación, serán publicados na aula virtual do curso con antelación suficiente para posibilitar a correcta instalación e a dispoñibilidade dos mesmos.
Contidos da formación
O Curso de Introducción á Orientación Laboral Aberta contempla 27 horas de seminarios web en directo, a desenvolver en xornadas de venres pola tarde (16.00 h a 20.30 h) e sábado pola mañá (9.30 h a 14.00 h).
A formación complétase sumando a estes seminarios en directo a formación a distancia, as actividades avaliativas, o repaso e o traballo persoal do alumnado ata completar as 150 horas que conforman o total do curso.
Os seminario web en directo servirán para afianzar os conceptos máis importantes, resolver dúbidas e incidir de xeito práctico nos coñecementos adquiridos, rematando cada módulo cunha proba obxectiva de avaliación (exame) para determinar o nivel de aproveitamento por parte de cada persoa participante.
Todo o curso desenvolverase sobre a plataforma Moodle do CIXUG, polo que as persoas asistentes deberán dispoñer en todo momento dos equipos e medios técnicos necesarios, descritos no apartado de requisitos técnicos para o seguimento do curso.
O programa do curso está composto polos seguintes temas:
- Tema 1: introducción ao Sistema Nacional de Emprego.
- Tema 2: as actividades do Servizo de Orientación Laboral.
- Tema 3: prospección e intermediación laboral.
- Tema 4: análise do mercado laboral.
- Tema 5: introducción ao autoemprego e ao emprendemento.
- Tema 6: os fundamentos do traballo TIC.
- Tema 7: a comunicación e o traballo en rede.
Cando terá lugar
O Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta desenvolverase desde o 25 de setembro de 2020 na aula virtual do CIXUG, con seminarios web en directo que terán lugar os venres pola tarde en horario de 16:00h a 20:30h, e os sábados pola mañá en horario de 9:30h a 14:00h.
Os seminarios en directo terán lugar nas datas e cos contidos indicados a continuación:
- 25/09/2020: introdución ao Sistema Nacional de Emprego e á Orientación Laboral Aberta.
- 26/09/2020: actividades do Servizo de Orientación Laboral.
- 02/10/2020: prospección e intermediación laboral e o proceso de intervención orientadora.
- 03/10/2020: traballo en rede. Ferramentas e métodos.
- 09/10/2020: análise do mercado laboral e a Enquisa de Poboación Activa.
- 10/10/2020: a web 2.0, unha oportunidade para a procura de emprego.
NOTA: en funcion de criterios organizativos e didácticos a orde das sesións poderase alterar, pero sempre dentro dos días indicados.
Condicións para o aproveitamento
Para superar o curso requírese:
- Completar a asistencia a cando menos o 80% dos seminarios web en directo (o que supón un máximo de 1 ausencia).
- Visualizar e traballar os contidos dos temas sobre a aula virtual.
- Superar as actividades avaliativas cunha puntuación media global de 5 puntos ou máis.
- Participar activamente no curso.
Tamén se terán en consideración outros aspectos como as evidencias na adquisición das competencias e a constancia no seguimento do curso.
Para verificar o cumprimento do requisito de asistencia, en todos os seminarios web en directo se realizará un control de asistencia.
A cualificación final será APTO ou NON APTO, estará determinada pola aplicación das seguintes ponderacións:
# | ACTIVIDADE AVALIATIVA | PONDERACIÓN |
---|---|---|
1 | Proba obxectiva do curso | 50% |
2 | Participación e seguimento do curso | 10% |
3 | Tarefas dos módulos | 20% |
4 | Competencia dixital (artefactos e perfís profesionais) | 20% |
Profesorado do curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta
O equipo docente que vai desenvolver o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta é o mesmo que desenvolve o programa do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, de forma que os contidos están perfectamente coordinados e o nivel dos mesmos se axusta en cada caso ao previsto no curso.
O equipo docente está composto polas seguintes pesoas, que ademais de como formadoras actúan como titoras na teleformación:
FERNANDO AGULLÓ LEAL
DIRECTOR ACADÉMICO DO CURSO, ESPECIALISTA EN EMPRENDEMENTO
Fernando Agulló Leal é Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, cun Mestrado en Creación de Empresas pola Universidade da Coruña, Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais e Project Manager por Project Management Institute – Método.
A súa experiencia profesional non se centrou exclusivamente no docencia, xa que tamén exerceu como economista ou técnico superior na Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia ata a súa incorporación como persoal docente e investigador á Universidade da Coruña, así como articulista colaborador de La Voz de Galicia no suplemento Mercados. Tamén foi Director Da Cátedra Jorge Juan.
Actualmente, ademais de exercer como Director Académico do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, é responsable da docencia impartida na Universidade da Coruña nas materias:
- “Iniciativa Emprendedora” no Mestrado de Xestión e Dirección Laboral
- “Introdución á Economía” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
- “Economía e Empresa” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
- “Creación e Dirección de Empresas” no Grao de Ciencias do Deporte e da Educación Física
- Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM)
Mª TERESA DEUS TRASOBARES
TITORA, ESPECIALISTA EN ORIENTACIÓN LABORAL
Licenciada en Ciencias do Traballo, Mayte Deus Trasobares e presidenta de “Inprega, S. Coop. Galega”, na que tamén traballa como consultora senior.
Ten, entre outros, un Mestrado Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacherelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas.
A súa traxectoria laboral desenvólvese sempre ligada ao mercado de traballo e ao emprego. Durante nove anos prestou servizos no INEM e, máis adiante, nos Concellos da Coruña e Ferrol, pasando despois a realizar traballos de asistencia técnica e consultoría para distintos organismos públicos.
Tamén podes coñecela en Linkedin.
CARLOS PARADA GANDOS
TITOR, ESPECIALISTA EN TIC E REDES SOCIAIS
Carlos Parada é Diplomado en Informática e posúe un Posgrao de Experto Profesional en e-Learning 2.0. Gran parte da súa experiencia profesional estivo centrada na xestión técnica de plans de formación e o diseño de plans formativos, avaliacións e metodoloxías de accións formativas relacionadas co ámbito TIC e na coordinación técnica e pedagóxica de proxectos de incorporación de tecnoloxías no ámbito da formación.
Actualmente colabora como consultor senior e formador con distintas entidades de ámbito público e privado, nas especialidades de:
- Contornos virtuais de aprendizaxe (e-learning)
- Identidade dixital
- Formación do profesorado
- Dinamización de comunidades de práctica
- Apoio ao emprendemento
Tuitea como @carpaga. Podes coñecelo en about.me e en Linkedin.
Requisitos de matrícula
O prazo ordinario de matrícula permanecerá aberto dende o 1 ata o 15 de setembro de 2020 (sempre que queden prazas dispoñibles). Non obstante, se superado este prazo continúa a haber prazas dispoñibles, manterase aberta a posibilidade de inscribirse entanto queden prazas dispoñibles e non comece o curso.
Para solicitar a matrícula no curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, debe cubrirse o formulario que se enlaza a continuación e achegar simultaneamente a través da conta de correo pol@www.cixug.gal copia en soporte informático da seguinte documentación:
- Documento de identidade en vigor.
- Certificado/volante de empadroamento vixente (menos de 6 meses de antigüidade).
- Título universitario/certificado de expedición do título (válido en España).
Estes documentos deben ser copiados polas dúas caras, e o seu contido debe ser completo, claro e lexible.
Formulario de inscrición
(Pechado prazo de inscrición na edición 2020)
Tras recibir a confirmación da preinscrición, disporá de dous días hábiles para realizar o ingreso do prezo da matrícula (50,00 euros) e remitir unha copia do modo que se lle indicará no correo electrónico de confirmación. Se transcorrido este prazo non fixese efectivo o pago, poderá perder o dereito á reserva de praza e esta pasará á seguinte persoa da lista de agarda.
NOTA 1: o prezo da matrícula encóntrase subvencionado polo cofinanciamento realizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Ministerio de Trabajo y Economía Social, polo que non se aplicarán descontos adicionais sobre este importe.
NOTA 2: as titulacións que requiran de convalidación en España non serán admisibles se non se acredita esta homologación.
NOTA 3: esta documentación poderá serlle solicitada en orixinal a efectos de verificación en calquera momento ao longo da duración do curso, ou con posterioridades como parte do proceso de auditoría ao que poida ser sometido por parte das entidades financiadoras.
Información complementaria
Para obter máis información do teu interese en relación ao Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, podes empregar os seguintes medios:
- Enviando un correo ao enderezo electrónico pol@www.cixug.gal
- Chamándo ao teléfono 611 412 116