Orientación Laboral
Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta
Edición 2019
Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta
2da Edición
O Consorcio CIXUG, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social, pon en marcha o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta para cubrir o baleiro que actualmente existe entre o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral e a carencia de formación inicial para aquelas persoas que, estando potencialmente interesadas na profesión, carecen de experiencia previa e non atopan referentes formativos.
Confinancian
Deste xeito, o curso de introdución pretende constituírse como un primeiro achegamento para as persoas que, tendo interese potencial en desenvolver o seu futuro profesional no eido da orientación laboral, carecen do coñecemento preciso en relación aos contidos do servizo e en que consiste exactamente, cales son as competencias necesarias e que implica na práctica o seu desenvolvemento.
Polo tanto, o obxectivo fundamental deste curso de iniciación é o de servir como primeira aproximación aos contidos, competencias, ferramentas e metodoloxías para o desenvolvemento da orientación laboral aberta en Galicia, trasladando ás persoas participantes un coñecemento preciso sobre os recursos persoais, as metodoloxías, tecnoloxías e competencias que deben traballar para poder chegar a desenvolverse neste eido de xeito profesional, servindo como paso previo ao Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.
Pero ademais, son obxectivos deste curso os seguintes:
- Integrar nun proceso de formación os criterios e principios básicos esenciais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera técnica/o que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego.
- Abrir a vía de desenvolvemento vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que poidan estar interesadas en dirixir cara esta vía o seu futuro profesional.
- Completar o desenvolvemento do currículo formativo para a orientación laboral, provendo un itinerario completo e coordinado desde os niveis máis básico ata o máis avanzado.
Obxectivos
O obxectivo fundamental deste curso de introdución é o de servir como primeira aproximación aos contidos, competencias, ferramentas e metodoloxías para o desenvolvemento da orientación laboral aberta en Galicia, trasladando ás persoas participantes un coñecemento preciso sobre os recursos persoais, as metodoloxías tecnoloxías e competencias que deben traballar para poder chegar a desenvolverse neste eido de xeito profesional, servindo como paso previo ao Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.
Pero ademais, son obxectivos deste curso os seguintes:
- Integrar nun proceso de formación os criterios e principios básicos esenciais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera técnica/o que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego.
- Abrir a vía de desenvolvemento vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que poidan estar interesadas en dirixir cara esta vía o seu futuro profesional.
- Completar o desenvolvemento do currículo formativo para a orientación laboral, provendo un itinerario completo e coordinado desde os niveis máis básico ata o máis avanzado.
Por este motivo, tanto a formación como os seus contidos e os métodos didácticos se teñen deseñado combinando e equilibrando as sesións expositivas con elementos prácticos, requirindo de interacción e de participación e mediante o uso de canles e ferramentas tecnolóxicas que se aplican nos contornos reais de traballo; e estes contidos se teñen desenvolvido de xeito específico para esta formación polo equipo docente que participará no seu desenvolvemento, tanto na parte presencial como na titoría dos contidos de eLearning.
Persoas destinatarias
O Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta está orientado aos seguintes perfís:
- Persoas universitarias nos últimos cursos, que pensan que poden ter na orientación laboral un ámbito axeitado para o desenvolvemento do seu futuro profesional.
- Persoas tituladas sen experiencia previa no ámbito da orientación laboral e que queren valorar a súa aproximación a esta actividade para o desenvolvemento da súa actividade profesional.
Recoméndase a realización previa deste curso de iniciación para persoas interesadas en realizar posteriormente o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.
Requisitos técnicos para o seguimento
Ao tratarse dun curso en modo blended learning con contidos de teleformación a través da plataforma Moodle do CIXUG, resulta imprescindible que as persoas participantes conten cun computador con:
- Versión actualizada do seu navegador (preferentemente Mozilla Firefox).
- Cámara web.
- Altofalantes.
- Micrófono.
- Acceso a Internet.
Xa que algunhas das actividades formativas e avaliativas do curso poden requirir de acceso e interacción a través da rede, así como da creación de artefactos dixitais; e os contidos dos diferentes temas non serán descargables ata a finalización dos mesmos dado que tamén a súa visualización na plataforma se terá en conta como criterio de aproveitamento.
Ademais, dado o enfoque innovador da orientación laboral aberta no uso das ferramentas TIC e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión do emprego, pode requirirse da instalación por parte das persoas participantes de determinado software ou plugins no seu computador que, en todo caso, será gratuíto e de uso libre. Igualmente, para posibilitar a participación e óptimo aproveitamento de determinadas actividades do curso, poderá requirirse das persoas participantes o seu rexistro en plataformas ou redes sociais.
Para un mellor aproveitamento das mesmas, é recomendable que as persoas participantes no curso de iniciación acudan ás sesións presenciais relacionadas con temáticas TIC cun computador persoal ou dispositivo móbil equivalente (tablet ou smartphone) que permita o acceso a Internet a través de WIFI, para posibilitar a consulta ou interacción con algunhas das ferramentas empregadas.
Contidos da formación
O Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta contempla 27 horas de formación presencial, a desenvolver en xornadas de venres pola tarde (16.00 h a 20.30 h) e sábado pola mañá (9.30 h a 14.00 h) no Centro de Novas Tecnoloxías Galicia dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, emprazado en Santiago de Compostela.
A formación complétase sumando ás sesións presenciais a formación a distancia, as actividades avaliativas, de repaso e o traballo persoal do alumnado ata completar as 150 horas que conforman o total do curso.
As sesións presenciais servirán para expoñer e explicar os conceptos e contidos clave da formación, realizando supostos prácticos sobre os diferentes ámbitos tratados para consolidar os coñecementos adquiridos, contemplando unha proba obxectiva de avaliación para determinar o nivel de aproveitamento por parte de cada persoa participante
Os contidos a distancia desenvolveranse sobre a plataforma Moodle do CIXUG, polo que as persoas asistentes deberán dispoñer dos equipos e medios técnicos necesarios (ver apartado requisitos técnicos para o seguimento do curso).
O programa do curso está composto polos seguintes temas:
- TEMA 1: introdución ao Sistema Nacional de Emprego
- TEMA 2: as actividades do Servizo de Orientación Laboral
- TEMA 3: prospección e intermediación laboral
- TEMA 4: análise do mercado laboral
- TEMA 5: introdución ao autoemprego e ao emprendemento
- TEMA 6: os fundamentos do traballo TIC
- TEMA 7: a comunicación e o traballo en rede
Lugar de celebración das sesións presenciais
As sesións presenciais desenvolveranse no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria, emprazado en Santiago de Compostela:
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
- Rúa Airas Nunes, s/n – Conxo
- 15702 – Santiago de Compostela
Coordenadas GPS:
- W 8º 33′ 16,35”
- N 42º 51′ 47,21”
Cando terá lugar
O Curso de Iniciación á Orientación Laboral Aberta desenvolverase desde o 20 de setembro de 2019, combinando a formación a distancia coa formación presencial. As sesións presenciais terán lugar os venres pola tarde en horario de 16.00 h a 20.30 h, e os sábados pola mañá en horario de 9.30 h a 14.00 h. Realizarase tanto control de sinaturas de entrada como de saída nas sesións presenciais, polo que se prega puntualidade no acceso ás mesmas.
As sesións presenciais terán lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela), coas seguintes temáticas:
- 20/09/2019: introdución ao Sistema Nacional de Emprego e á orientación laboral aberta
- 21/09/2019: actividades do Servizo de Orientación Laboral
- 27/09/2019: prospección e intermediación laboral e o proceso de intervención orientadora
- 28/09/2019: traballo en rede. Ferramentas e métodos
- 04/10/2019: a web 2.0, unha oportunidade para a procura de emprego
- 05/10/2019: análise do mercado laboral e a Enquisa de Poboación Activa
Condicións para o aproveitamento
Para superar o curso, a alumna/o deberá:
- Asistir a un mínimo do 80% das horas das sesións presenciais (1 ausencia permitida como máximo).
- Superar as actividades avaliativas e ter revisado na aula virtual os contidos obrigatorios.
- Superar as actividades a distancia.
Os criterios a aplicar na parte a distancia serán:
- A forma de valorar a evolución das aprendizaxes de cada persoa participante levarase a cabo a través das distintas actividades, que serán avaliadas e puntuadas pola titoría responsable. Comprobarase:
- A lectura dos contidos propios do curso na aula virtual.
- A realización das actividades onde se constate a adquisición dos coñecementos do curso e,
- Participación en actividades individuais e grupais da aula.
- Valorarase a participación nos debates e propostas da aula.
Tamén se terán en consideración outros aspectos como as evidencias na adquisición das competencias e a constancia no seguimento do curso.
Para avaliar a adquisición das capacidades que conforman a competencia dixital, terase en conta as seguintes evidencias:
- Facilidade para a interacción a través de medios TIC.
- Participación voluntaria nos espazos colaborativos que se determinen.
- Mensaxes emitidos co cancelo propio do curso.
A cualificación final (APTO/ NON APTO), estará determinada pola aplicación das seguintes ponderacións:
# | ACTIVIDADE AVALIATIVA | PONDERACIÓN |
---|---|---|
1 | Proba obxectiva do curso | 50% |
2 | Participación activa e seguimento do curso | 10% |
3 | Actividades a distancia (individuais e grupais) | 20% |
4 | Competencia dixital (artefactos, perfís profesionais e dinamización) | 20% |
Profesorado do curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta
O equipo docente que vai desenvolver o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta é o mesmo que desenvolve o programa do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, de forma que os contidos están perfectamente coordinados e o nivel dos mesmos se axusta en cada caso ao previsto no curso.
O equipo docente está composto polas seguintes pesoas, que ademais de como formadoras actúan como titoras na teleformación:
FERNANDO AGULLÓ LEAL
DIRECTOR ACADÉMICO DO CURSO, ESPECIALISTA EN EMPRENDEMENTO
Fernando Agulló Leal é Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, cun Mestrado en Creación de Empresas pola Universidade da Coruña, Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais e Project Manager por Project Management Institute – Método.
A súa experiencia profesional non se centrou exclusivamente no docencia, xa que tamén exerceu como economista ou técnico superior na Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia ata a súa incorporación como persoal docente e investigador á Universidade da Coruña, así como articulista colaborador de La Voz de Galicia no suplemento Mercados. Tamén foi Director Da Cátedra Jorge Juan.
Actualmente, ademais de exercer como Director Académico do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, é responsable da docencia impartida na Universidade da Coruña nas materias:
- “Iniciativa Emprendedora” no Mestrado de Xestión e Dirección Laboral
- “Introdución á Economía” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
- “Economía e Empresa” no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos
- “Creación e Dirección de Empresas” no Grao de Ciencias do Deporte e da Educación Física
- Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM)
Mª TERESA DEUS TRASOBARES
TITORA, ESPECIALISTA EN ORIENTACIÓN LABORAL
Licenciada en Ciencias do Traballo, Mayte Deus Trasobares e presidenta de “Inprega, S. Coop. Galega”, na que tamén traballa como consultora senior.
Ten, entre outros, un Mestrado Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacherelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas.
A súa traxectoria laboral desenvólvese sempre ligada ao mercado de traballo e ao emprego. Durante nove anos prestou servizos no INEM e, máis adiante, nos Concellos da Coruña e Ferrol, pasando despois a realizar traballos de asistencia técnica e consultoría para distintos organismos públicos.
Tamén podes coñecela en Linkedin.
CARLOS PARADA GANDOS
TITOR, ESPECIALISTA EN TIC E REDES SOCIAIS
Carlos Parada é Diplomado en Informática e posúe un Posgrao de Experto Profesional en e-Learning 2.0. Gran parte da súa experiencia profesional estivo centrada na xestión técnica de plans de formación e o diseño de plans formativos, avaliacións e metodoloxías de accións formativas relacionadas co ámbito TIC e na coordinación técnica e pedagóxica de proxectos de incorporación de tecnoloxías no ámbito da formación.
Actualmente colabora como consultor senior e formador con distintas entidades de ámbito público e privado, nas especialidades de:
- Contornos virtuais de aprendizaxe (e-learning)
- Identidade dixital
- Formación do profesorado
- Dinamización de comunidades de práctica
- Apoio ao emprendemento
Tuitea como @carpaga. Podes coñecelo en about.me e en Linkedin.
Requisitos de matrícula
O prazo ordinario de matrícula permanece aberto dende o 5 de agosto ata o 6 de setembro de 2019 (sempre que queden prazas dispoñibles). Non obstante, se superado este prazo continúa a haber prazas dispoñibles, manterase aberta a posibilidade de inscribirse entanto queden prazas dispoñibles e non comece o curso.
Para solicitar a matrícula no curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, debe cubrir o formulario que se enlaza a continuación e achegar simultaneamente a través da conta de correo pol@cixug.es copia en soporte informático da seguinte documentación:
- Documento de identidade en vigor
- Certificado/volante de empadroamento vixente (menos de 6 meses de antigüidade)
- Título universitario/certificado de expedición do título (válido en España)
Estes documentos deben ser copiados polas dúas caras, e o seu contido debe ser completo, claro e lexible.
Tras recibir a confirmación da preinscrición, disporá de tres días hábiles para realizar o ingreso do prezo da matrícula (50,00 euros) e remitir unha copia do modo que se lle indicará no correo electrónico de confirmación. Se transcorrido este prazo non fixese efectivo o pago, perderá o dereito á reserva de praza e esta pasará á seguinte persoa da lista de agarda.
NOTA 1: as titulacións que requiran de convalidación en España non serán admisibles se non se acredita esta homologación.
NOTA 2: esta documentación poderá serlle solicitada en orixinal a efectos de verificación en calquera momento ao longo da duración do curso, ou con posterioridades como parte do proceso de auditoría ao que poida ser sometido por parte das entidades financiadoras.
Información complementaria
Para obter máis información do teu interese en relación ao Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, podes empregar os seguintes medios:
- Enviando un correo ao enderezo electrónico pol@www.cixug.gal
- Chamándo ao teléfono 611 412 116